jueves, octubre 08, 2009

Meigas e Convenios Colectivos




Unha vez mais a distancia que nos separa de Madrid e o tempo que leva percorrela, convértese extrañamente nun problema para o Convenio Colectivo do PDI das Universidades Galegas. Quizais sexa esta a única explicación razoable para poder comprender o troco de actitude que sufriron algúns dos Sindicatos que estamos a negociar este novo Convenio Colectivo do PDI Laboral do SUG, e o excepcional, á vez que sobreacolledor aliñamento que só en días de remate de negociación sofren diferentes Sindicatos coa Patronal. Os representantes de CCOO podémonos sentir “desafortunados” de asistir a tan magno acontecer nos dous únicos Convenios Colectivos de PDI feitos ata o momento. Este asombroso fenómeno astral leva a determinados Sindicatos a transformarse como si de licántropos se tratase e defender cousas completamente diferentes en Madrid e en Galicia. Como exemplo mais preocupante desta espiral incontrolada de accións e reaccións astrais inexplicables, temos a decisión tomada onte pola tardiña de deixar ó colectivo de investigadores contratados a cargo de proxectos de investigación fóra do Convenio de PDI laboral das Universidades Galegas mentres que en Madrid facemos deste colectivo un arma arroxadiza e se defende a capa e espada a súa inclusión no futuro Estatuto do PDI.


Os representantes de CCOO xa vivimos no primeiro Convenio unha situación semellante cando fomos o único Sindicato que defendeu ata o derradeiro momento a inclusión dos investigadores a cargo do programa e os contratados a cargo de proxectos. De xeito milagreiro, e unha vez que estes investigadores a cargo de programa sufriron unha transformación material sen precedentes dende o Big Bang e se converteron en votos, foron obxecto de interese sindical e xa pasaron ó selecto club do PDI. Dende CCOO esperamos que temas tan importantes para todos como Xubilacións, Permisos, Licencias e Vacacións, Carreira Académica, ou Acción Social sexan retomados coa seriedade que se merecen e non cunha desgana galáctica tal e como se fixo neste Convenio por parte de algunhas Centrais Sindicais.


Esperanzados co novo Ano Xubilar e a protección do Apóstol Santiago pensamos que acontecementos tan desagradables non podían acontecer outra vez. Unha vez mais estábamos equivocados. Quizais ó non facer a xuntanza de onte na Praza do Obradoiro como facemos sempre era unha sinal que CCOO non soubo entender, e provocou unha vez mais este curioso aliñamento entre patronal e algunhas Centrais Sindicais e que levou a deixar a un colectivo de traballadores precario e cunhas condicións de traballo complicadas pola súa total falta de regulación a súa sorte. Non contentos con iso, e coa idea de “facilitar” a xestión da Universidade Galega algunhas Centrais Sindicais embebidas por esta borracheira cósmica propoñen 3 Convenios Colectivos paralelos e 6 Comités de Empresa. Nos non entendemos nada, pero esperamos dende o convencemento que despois deste escrito algunha Central Sindical “afectada” polo aliñamento planetario contestará a este mail para arroxar algunha luz unha vez pase o influxo da lúa. Como habelas ainas, quizais o troco de postura responda a algún feitizo ou promesa de riqueza non terreal que CCOO non comparte nin compartirá xa que as nosas aspiracións políticas e persoais rematan onde rematan as necesidades dos traballadores das Universidades.


Cremos e esperamos que esta vez si aprendemos a lección. Estivemos solos no pasado Convenio e seguimos solos neste. Quizais os equivocados sexamos nos cando pensamos no noso deber de mellorar cada ano as condicións laborais do maior número posible de traballadores facéndoas mais dignas. Quizais seguimos equivocados por pensar que os demais Sindicatos se moven polos mesmos intereses que nos deixando feitizos políticos e mazás envenenadas fóra das nosas pretensións. Quizais esteamos equivocados ó pensar en que é mais conveniente persoal e políticamente aliñarse coas Universidades e non cos demais Sindicatos para traballar a prol dos traballadores. Estade seguros que nos queremos seguir equivocados traballando dende o convencemento que estamos tratando de axudar aos traballadores das Universidades, e que no próximo Convenio levaremos allos en vez de propostas. Aínda así, o mero feito de levar allos xa sería unha aportación maior a que algunhas Centrais Sindicais fixeron durante case dous anos de negociacións. Si compañeiros, dous anos de negociacións sen nada que aportar por algunha das Centrais Sindicais que parecen estar mais preocupadas por situacións políticas que laborais para ter o final o mesmo Convenio que fai anos con pequenas melloras, pero coas mesmas limitacións, as mesmas debilidades, as mesmas incongruencias, e as mesmas pobrezas. Iso si, con novas propostas de CCOO que como sempre caen en saco roto no derradeiro momento e a nula aportación por parte de algúns dos demais Sindicatos.


CCOO asinará o Convenio por non quedar fóra das futuras negociacións do PDI aínda que o noso papel, lonxe dos grandes druídas doutros Sindicatos, quedará relegado ao de compoñedores dos desagravios e desfeitas dos nosos socios Sindicais para evitar danos maiores. Sabemos que foi, é e será difícil loitar contra os poderosos feitizos e encantamentos da patronal, pero os representantes de CCOO somos tan sinxelos e “terrenais” que de momento estamos a quedar fóra desta “maxia patronal” aparentemente tan poderosa.


Se somos capaces de aproveitar o 2010 para traer propostas ademais de turistas, ganas de traballar e sobre todo lealdade sindical e cos nosos representados, e deixamos de utilizar aos Sindicatos e aos traballadores como moeda de troco para acadar logros persoais, ben vido sexa o novo Ano Xubilar. E senón sempre nos quedará a Teoría da Relatividade do Sr. Einstein para tratar de entender os inexplicables fenómenos de rotación sindical logrando predicir futuras inclinacións políticas de determinados Sindicatos ó aproximarse o momento de redactar e asinar Convenios Colectivos.

Etiquetas:


Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?