martes, mayo 12, 2009

Os sindicatos europeos convocan "euromanifestacións" polo emprego en catro capitais europeas, a primeira en Madrid o 14 de maio


COMBATER A CRISE: O PRIMEIRO, O EMPREGO

Os traballadores e as traballadoras, sen teren culpa ningunha, están pagando un prezo moi alto pola temeridade e a avaricia excesivas do mundo empresarial, particularmente dos bancos: o desemprego aumenta de xeito vertixinoso, o traballo precario e a pobreza esténdense, o poder adquisitivo derrúbase e a débeda pública increméntase.

Por todas estas razóns, a CES (Confederación Europea de Sindicatos, da que forma parte CCOO) toma a ofensiva para reclamar a posta en marcha dun novo compromiso (New Deal) social en Europa mediante un plan que recolla estes cinco puntos fundamentais:

• Un programa de recuperación ampliado que permita crear máis e mellores empregos, protexer
o emprego nas industrias clave, investir en tecnoloxías novas e sustentables e conservar os servizos públicos fundamentais.

• Mellores soldos e pensións, un estado de benestar máis sólido, maiores prestacións para protexer o poder adquisitivo e dereitos de participación reais co fin de dar un pulo á economía.

• Poñer fin ás decisións tomadas recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que favorecen as liberdades do mercado en detrimento dos nosos dereitos fundamentais e os convenios colectivos, mediante a ratificación dos obxectivos sociais do mercado interior, garantindo ao mesmo tempo a igualdade de trato e igual remuneración para os traballadores migrantes «desprazados».

• Regulación efectiva dos mercados financeiros, unha distribución equitativa da riqueza e non caer outra volta no capitalismo de casino ou na dinámica á que se afixeron os mercados financeiros nos últimos vinte anos.

• Un banco central europeo comprometido co crecemento e o pleno emprego, e non dedicado
unicamente a manter a estabilidade dos prezos.

Apoia as Xornadas de Acción Europeas convocadas pola CES e únete ás manifestacións que terán lugar o 14 de maio en Madrid, o 15 de maio en Bruxelas e o 16 de maio en Berlín e Praga.
A CES esixe UN NOVO COMPROMISO SOCIAL en Europa

ÚNETE A NÓS!!

Euromanifestación:

14-05-09 Madrid • Praza de Colon • 12 h
15-05-09 Bruxelas
16-05-09 Berlín e Praga

Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?