viernes, abril 24, 2009

28 DE ABRIL, XORNADA MUNDIAL POLA SAÚDE E A SEGURIDADE NO TRABALLO: TEMOS MOTIVOS



A Coruña: ás 12.00 H. concentración diante das oficinas da confederación de empresarios, na Praza Luis Seoane (Edificio Administrativo de Monelos).

Durante o ano pasado, no estado español perderon a vida 831 persoas en accidentes de traballo.

MANIFESTO CONXUNTO CCOO - UGT (estracto)

Neste 28 de abril, Día Internacional da Saúde e Seguridade no Traballo, a iniciativa da Confederación Internacional Sindical, conmemoramos a 14ª Xornada Internacional en recordo das vítimas do traballo. No 2008 son 72 os falecidos no traballo en Galicia, a este mal dato debemos engadir a infradeclaración de enfermidades profesionais.

Denunciamos con todas as nosas forzas a insostible actitude de negar o recoñecemento das enfermidades profesionais e outros danos derivados do traballo que protagonizan os competentes en declarar. Responsabilizamos diso ás mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da seguridade social, como iniciadoras do proceso e ás distintas administracións públicas, que non exercen adecuadamente o seu control. Esiximos, hoxe e sempre, un cambio nas políticas que leve a recoñecer, protexer e previr os danos derivados do traballo en todas as súas facetas.

A crise e as súas consecuencias, golpéannos en todas direccións, especialmente en forma de empeoramento das condicións de traballo e tamén no retroceso das actividades e recursos que as empresas dedican á prevención de riscos laborais. Dá a impresión de que a prevención era unha concesión propia dos anos de bonanza económica pero que cando a situación económica non vén de face, hai que eliminar ou restrinxir. Corremos, xa que logo, o risco de perder en pouco tempo gran parte do avanzado nos últimos anos nunha materia tan esencial como é a protección da nosa seguridade e saúde.

A Patronal considera que a saúde laboral xa non é cousa de todos, nin constitúe unha prioridade social e política. Vena como unha imposición doutro tempo, que non puideron evitar, e que agora teñen a oportunidade de eliminar. Non falan de enfermidades senón de absentismo e fraude; non falan de prevención de riscos senón de custos económicos; as leis e normativas son limitacións que comprometen a competitividade e as cotizacións sociais, impostos onerosos que lles dificulta a supervivencia. Esa é a súa concepción da saúde e a seguridade no traballo.

Fronte a esta actitude, os sindicatos actuaremos en xustiza mediante a denuncia, a mobilización e a presión sostida en todos os niveis: a empresa, o sector e a sociedade. Trátase de explicar o que nos xogamos e o que defendemos: non estamos dispostos a retroceder o avanzado desde a entrada en vigor da Lei de Prevención de Riscos Laborais; non aceptamos que a Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012, e que ó Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2006-2010, sexan papel mollado, e por iso esixímoslles aos Gobernos e aos empresarios que os cumpran en todo o seu contido. Prioritariamente, desenvolvendo a figura dos axentes territoriais e sectoriais de prevención, e na posta en marcha do Observatorio de accidentabilidade en Galicia, pezas craves para avanzar no cumprimento da lei nas empresas que carecen de representación dos traballadores, e para ter coñecemento das causas reais dos A.T e das E.P.

O 28 de abril é polo tanto un día de mobilización e de recordo, pero tamén de reafirmación sindical no noso compromiso público para coa defensa e protección da saúde no traballo, o máis prezado que temos e o que non podemos perder.

Dende UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia animamos ás nosas respectivas organizacións, traballadores/as e a cidadanía Galega en xeral á realización de actos unitarios, manifestacións, concentracións ou calquera outra forma de reivindicación nas que denuncien a falta de medidas de seguridade e saúde no traballo que sufrimos os traballadores e traballadoras no noso país.

Etiquetas:


Comments: Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?